Publicado o Xullo 26, 2015
A escuadra meca nos encontros de Cabo
Xa pasaron uns días desde que acabaron os XII Encontros de Embarcacións Tradicionais, en Cabo da Cruz, nos que os Amigos da Dorna Meca participamos activamente.
E non foron só os barcos da asociación os que encheron os pantaláns, xa que moitas outras embarcacións de soci@s e amig@s tamén puxeron rumo a Cabo para participar nos Encontros.
Os máis madrugadores saíron xa o xoves, con pouco vento, para poder desfrutar do tradicional izado de velas e da noite intercéltica que preparou a organización.
O venres, con vento do noroeste, saiu d’Ogrove a maior parte dos nosos barcos, integrándose xa nas saídas de navegación da tarde, como se ve neste vídeo de Ramón Recarei a bordo do galeón Coruxo.
O fin de semana íase aproximando, e o ambiente no porto aumentaba. O interesante programa para ese día finalizaba cun dos actos máis esperados, o concerto de Treixadura.
Na mañá do sábado a navegación foi moi tranquila pola falta de vento, algo que agradeceron as varias persoas que viñeron probar a navegación tradicional cos Amigos da Dorna Meca. A nortada que se foi levantando á tarde fixo que moitos dos barcos saísen con algún ris collido.
O norte mantívose até domingo, con navegacións pracenteiras pola mañá e de volta a casa á tardinha.
Este último día, pola mañá, a dorna Irmandiña ganhou a Regata de Velas Cangrexas, con boa diferencia sobre o resto de participantes!
Ademais do grande número de barcos inscritos e das actividades de formación e divulgación incluídas no programa, os Amigos da Dorna Meca agradecemos a boa acollida que tivemos tanto por parte da organización e voluntari@s como dos outros colectivos asistentes. Con xente tan implicada, a cultura mariñeira galega e a navegación tradicional ten moito futuro!
E obrigados a todas as persoas que viñeron probar a navegación tradicional con nós! Esperamos vervos de novo!
Podedes ver máis fotografías e vídeos: