Publicado o Xullo 17, 2017
A Fuxe, vencedora da XX Regata dos Faros
O pasado sábado, como anunciamos por aquí, celebrouse en aguas mecas a XX edición da Regata dos Faros de dornas á vela.
Nos días anteriores ao evento, prevíase algo de vento fresco, polo que a organización estivo a debater intensamente o percorrido da regata e posíbeis alternativas. Finalmente, decidiuse unha ruta similar á de pasadas edicións, con saída do Porto d’Ogrove, unha virada na baliza do Arido, outra por dentro do faro do Sinás e outra perto da Cabreira (e así, dúas voltas).
Xuntámonos no porto un total de 26 dornas prontas para a regata, tanto d’Ogrove como de Cambados, da Ilha de Arousa, de Ribeira ou de Portonovo. Moitas xa veteranas, outras máis novinhas, e outras clásicas tripuladas por patronas e patróns en formación (podréns de toda a vida). Como había un pouco nortinho, unhas dornas tomaron un ris, outras medio, e outras saíron con toda a vela.
A saída foi moi bonita: xa desde o inicio pudemos ver varias estratexias para chegar ao Arido: quen tentou ir nun largo rumo á baliza, quen despois de varios bordos acabou en Cambados, quen non sabía a que dorna seguir pola popa…
Do que non se lembraron alghúns patróns é de que a maré estaba case toda a baixa, polo que aproveitaron para remenxer a area e mover birbirichos e cadelas nos lombos da Toxa e do Sarrido.
Xa desde ben cedo, a Fuxe, dos Parada, destacouse en cabeza, seguida de perto pola Xarandeira.
Outras dornas como a Nécora ou a Jalerna non andaban lonxe. Un pouquinho mais atrás competían a Marijuana, a Triñana, a Bichasa e a Bazarra, e así en diferentes grupos de dornas.
Na segunda volta, e con algunha avaría polo medio, a clasificación xa ía tomando forma.
O final foi moi disputado entre a Fuxe e a Xarandeira, quen ficou en segunda posición por moi pouquinho.
A cousa acabou así:
- Fuxe
- Xarandeira
- Nécora
- Jalerna
- Bandalha
- Marijuana
- Triñana
- Bichasa
- Bazarra
- Zenaida
- Noelia
- Montañesa
- Maristela
- Rosalía
- Toxiña
- Lara Doce
- Calloa
- Cormorán de Ons
- Moura
Como dixemos, houbo algunhas dornas ás que non lhe apeteceu acabar:
- Ortelinda
- Beliña
- Nerea
- Maraxe
- Bicoca
- Fanequeira
- Selosa
Acabada a reghata, e para non perder os bos costumes, houbo unha boa cuchipanda, a entrega de trofeus e reghalinhos ás tripulacións, e boa festa!
Enfín, que tivemos unha regata moi bonita, con boa participación e con melhor ambiente! Parabéns aos vencedores e obrigados aos participantes e colaboradores!