A Meca ganha novamente a Regata das Illas Atlánticas!

Este fin-de-semana celebrouse, con saída do porto de Pedras Negras, a X Regata das Illas Atlánticas de Barcos Clásicos e de Época. Como xa vos adiantamos, a nosa asociación participou con dúas dornas xeiteiras: A Meca (patroneada por José Manual Triñanes, Moja) e a Irmandiña (con Pepe Garrido á cana).

A Meca (foto: desmarque)

A Irmandiña (foto: desmarque)

Como en anos anteriores, desde os Amigos da Dorna Meca aproveitamos este tipo de eventos para competir coas nosas embarcacións e mostrar as capacidades de navegación de barcos tradicionais de trabalho como as dornas. E á vista dos resultados as capacidades parecen ser boas: ganhamos varias regatas en San Vicente, Sanxenxo ou Marín, superando barcos desenhados para este tipo de regatas, e conseguindo o II Campeonato Galego de Clásicos Agabace en 2015.

A X Regata das Illas Atlánticas tivo dúas etapas, a primeira o sábado día 19 e a segunda o domingo 20. No sábado o percorrido comezaba nas proximidades do porto de Pedras Negras e consistía en darlhe a volta ás Ons, regresando a San Vicente deixando o Picamilho por babor.

O vento constante do norte fixo que a saída fose en popa, e que na volta a Pedras Negras houbese varios bordos en bolina.

A Meca preparando a vara de esplacar para a empopada inicial da etapa do sábado.

Xa co rumo colhido! (foto: desmarque).

A Meca perto de Ons (foto: desmarque).

Na primeira etapa, A Meca acabou primeira na súa clase (Cíes), tanto en tempo real como en tempo compensado, seguida pola dorna de tope Sara O e pola Irmandiña. [Aquí podedes ver como foi a primeira etapa.]

A Irmandiña, a popa d’A Meca, e Ons (foto: desmarque).

Outra imaxe da Irmandiña e d’A Meca (foto: desmarque).

No segundo día, a navegación foi principalmente entre Ons e a Lanzada: saída de Pedras Negras cara o Picamilho, e cunha segunda virada no Camouco, antes de voltar novamente a San Vicente. Igual que na véspera, A Meca foi a primeira en chegar a terra, seguida da Sara O e da Irmandiña. [Aquí podedes ver como foi a segunda etapa.]

A festexar a victoria! (foto: desmarque)

Con estes resultados, e por terceiro ano consecutivo, A Meca ganhou a Regata das Illas Atlánticas en clase Cíes! Na clasificación final (xuntando os barcos das 3 clases da regata: Cíes, Ons e Sálvora), A Meca foi quinta e a Irmandiña décimo primeira, ganhando a competición o Pingüino Uno. [Aquí podedes ver os resultados completos.]

Outra perspectiva dos festexos 🙂 (foto: desmarque)

Como en regatas anteriores, desde os Amigos da Dorna Meca queremos felicitar, primeiro as tripulacións participantes (especialmente ás das dornas xeiteiras), e en segundo lugar a todo o mundo das embarcacións tradicionais galegas, que conxuntamente continuamos a dar visibilidade á nosa cultura marinheira. Aproveitamos ademais para reclamar condicións que nos permitan unha melhor conservación e divulgación das embarcacións tradicionais galegas e da nosa cultura marítima e fluvial.

Parte da tripulación vencedora d’A Meca recolhe o premio 🙂 (foto: desmarque)

Máis información:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*