Publicado o Agosto 11, 2015
Até sempre Luís!
Hoxe temos que lamentar o pasamento de Luís Rei.
Un veciño do Grove que dedicou moito do seu tempo ao estudo, reivindicación, documentación e fomento da Cultura Marítima, tanto de Galicia como da nosa vila, peza fundamental do que hoxe representa este movemento.
Mostra desta longa dedicación son os traballos coidados e rigurosos que nos deixou en inxentes publicacións: as revistas dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, traballos n’A Trabe de Ouro, en Grial, Pontenorga, ou Casa da Gramática, ademais de diversas colaboracións en publicacións locais como Sustansia. O seu impecable labor como director da Revista Ardentía, comisariando as mostras e exposicións dos 20 anos da FGCMF, “Patrimonio do Vento e do Sal”… e un longo etcétera. Como non podía ser de outro xeito, un home bo e xeneroso, traballador incansable e invisible en moitas das ocasións.
Desde a Asociación de Amigos da Dorna Meca queremos manifestar o noso fondo pesar, trasladándolle á súa familia o noso apoio e respecto, polo que foi noso colaborador, compañeiro de travesías e esperanzas.