Campeóns en Sanxenxo!

As noticias levaban varios días botando fume pola regata de Sanxenxo. Disque vinha alguén importante, algún barco que deixaría tanto ao público como aos participantes coa boca aberta!

O que non sabiamos, era se falaban da Meca ou da Irmandiña!

E todo isto porque o fin de semana pasado celebrouse en Sanxenxo a Regata Máster El Corte Inglés 2015. Nesta regata, os Amigos da Dorna Meca decidimos competir con estas dúas dornas, axudando deste xeito a divulgar as embarcacións tradicionais e as técnicas de navegación históricas en ámbitos diferentes aos habituais. E, como veredes, parece que o conseguimos!

A dorna de tope Sara O e a Irmadiña. Foto María Muiña.

A regata consistía en tres etapas, a celebrar o venres, sábado e o domingo. Xa no primeiro día, a nosa querida Meca púxose á cabeza da Clase Cangrexa (apesar de aparelhar vela de relinga, os barcos de trabalho foron incluídos nesta clase, para os diferenciar dos veleiros clásicos puros), seguida pola dorna, tamén meca, Sara O.

A Meca seguida por outros barcos nun momento da regata. Foto: María Muiña

Na proba do sábado, a Meca acabou outra vez en primeiro lugar, maravilhando a asistentes e participantes! A outra dorna da nosa asociación, a Irmandiña, foi segunda, polo que o resultado non podía ser melhor 🙂

A tripulación da Meca na primeira proba da regata.

Finalmente, o domingo non houbo saída dos barcos clásicos, polo que A Meca, co patrón Gerardo á cana, conseguía o primeiro posto da clase Cangrexa. Na clasificación final, a Irmandiña obtivo a cuarta posición.

Parte da tripulación da Meca recolhendo o 1º Premio da Clase Cangrexa. Foto: Buri.

Durante o fin de semana, regatistas experimentados asombráronse das capacidades de navegación das dornas. Concretamente das mecas, que debido á súa fasquía poden navegar con ángulos de bolina moi fechados, mantendo a súa vela tradicional. Salvando as diferenzas, estas embarcacións históricas demostraron unha vez máis que tenhen pouco que envexar a outros barcos máis modernos construídos con novos materiais e con moito trabalho de enxenharía detrás.

Así que, mentres as dornas polbeiras navegaban por Meloxo, as xeiteiras deslubraban na Ría de Pontevedra!

[ACTUALIZACIÓN: esta victoria na regata de Sanxenxo, xunto co anterior triunfo na Regata Illas Atlánticas 2015, converte A Meca (patroneada por Gerardo Iglesias) na ganhadora do II Campeonato Galego de Clásicos Agabace (ver aquí a clasificación), sendo primeira nas clases de vela cangrexa nestas dúas regatas. Como informan desde a Asociación Galega de Barcos Clásicos e de Época (Agabace), “resulta especialmente destacable que resulte gañadora unha embarcación tradicional con vela de relinga, construida nos estaleiros Garrido de O Grove, competindo con  barcos deseñados polos mais sobranceiros e famosos arquitectos navales do mundo”. Máis información en Todogrove.]

4 comentarios en “Campeóns en Sanxenxo!

  1. Noraboa dorneiros, polo resultado e por amarrar as fermosas dornas en primeira liña de pantalán en Sanxenxo. Había un certo contraste… Que sexa a primeira doutras moitas participacións

  2. Si señor, competindo coas dornas ao lado de grandes veleiros, así se fai!

  3. Felicito a Gerardo e a súa tripulación por unha regata excelente. A Meca é unha maravilla de barco, cun ángulo e unha potencia sensacionáis en bolina, mais tamén cunhas incríveis prestacións en rumbos abertos, sendo como é unha embarcación dunha soa vela. Moitos parabéns a toda a Asociación!

  4. Agradecemos desde aquí todas as felicitacións que nos están a chegar pola participación nesta regata e no Campeonato Galego de Barcos Clásicos de Agabace. Obrigados e até a próxima!