A Irmandiña inicia manhá o II Rally La Baule – San Vicente

Manhá día 9 de agosto, a dorna meca Irmandiña, partirá das aguas francesas de La Baule para dar inicio ao II Rally La Baule – San Vicente / Rallye Galice 2016 (organizado polo Yacht Club Classique de La Rochelle e por Agabace), que ten prevista a súa chegada entre os días 14 ou 15 deste mes, despois de facer parada en Sada e na Corunha os dias 12 e 13.

Na regata participarán máis de 16 barcos clásicos e de época, e continuará, despois de chegar a San Vicente, polas rías baixas, con navegacións, entre outras, até ás Ihas Cíes (podedes ver aquí o programa provisional). Así, coa participación da Irmandiña neste evento, os Amigos da Dorna Meca continuamos a trabalhar pola difusión e promoción internacional das embarcacións tradicionais, como xa fixemos noutras ocasións (vencendo o II Campeonato Galego de Clásicos Agabace, ou a XX Regata Almirante Rodríguez-Toubes) coa propia Irmandiña, ou co’A Meca e a Rabandeira.

A Meca e a Irmandiña (foto A. Sueste)

A travesía, dunhas 450 milhas náuticas, será a de maior distancia percorrida por unha dorna, xa que a viaxe até América para a cal foi construída a Irmandiña non se chegara a realizar.

A Irmandiña o día da súa botadura, en 2003 (foto: estaleiros Garrido)

Tanto a tripulación como a propia embarcación xa están en La Baule desde este fin de semana, despois de seren despedidos no Club Náutico de San Vicente. Ademais do patrón (e construtor de dornas como a propia Irmandiña ou A Meca) Pepe Garrido, a tripulación complétase co médico Antonio Grandío, co mestre veleiro Ramon Albert, e con Óscar Babé, quen a pesar da súa xuventude conta con moita experiencia de navegación á vela.

A Irmandiña saíndo (por terra) para Franza (foto: Jose Manuel Rodríguez)

Botando a Irmandiña en La Baule

Xa case tocando o mar…

No días previos ao inicio da regata, os tripulantes da Irmandiña puderon facer varias saídas co obxectivo de ter todo a punto para a longa travesía, que obviamente contará con navegación diúrna e nocturna.

A probar a Irmandiña en aguas francesas…

Seguide atentos a esta páxina e ao noso Facebook, porque nos próximos días esperamos darvos noticias do desenvolvimento da regata.

Desde aquí non podemos máis que desexarlle a mellor das sortes á tripulación da Irmandiña, que teñan bo vento e boa travesía! Vémonos n’Oghrove!


Máis información:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*