Por que necesitamos amarres?

Desde hai máis de 25 anos, os Amigos da Dorna Meca organizamos e participamos nun grande número de actividades culturais e deportivas, con obxectivos como a recuperación, a difusión e a posta en valor do patrimonio marítimo galego e meco, sendo actualmente, con máis de 100 socios, unha das principais asociacións culturais de Ogrove.

O Rakú no Museo de Moreiras, en 2009. Fotografía: Todogrove

A asociación traballou (e traballa) intensamente na recuperación do noso patrimonio material e inmaterial. Como patrimonio material, recuperando unha tipoloxía de embarcación propia da nosa vila que desaparecera: a dorna meca. Ademais, recuperáronse outros barcos que estaban cerca de desaparecer da nosa costa, como as dornas de tope, ou os racús. Para a súa divulgación, os barcos da asociación participan activamente en eventos de difusión da cultura marítima, e son cedidos frecuentemente a diferentes exposicións.

Na recuperación do patrimonio inmaterial, os Amigos da Dorna Meca traballamos na documentación de diversos aspectos culturais que estiveron en risco de desaparición, como as técnicas tradicionais de navegación a vela, modalidades de pesca xa non utilizadas, léxico e expresións mariñeiras, etc. Algúns destes elementos patrimoniais, case extintos hai poucas décadas, foron revitalizados coa axuda das asociacións pertencentes á FGCMF, da que fai parte o colectivo Amigos da Dorna Meca.

As técnicas tradicionais de aparellamento e de navegación a vela, xunto coas embarcacións recuperadas, combínanse con actividades de carácter deportivo e cultural como son as regatas, encontros de embarcacións, e saídas de navegación. A través destas actividades, decenas de persoas aprenderon (e continúan a aprender) as modalidades tradicionais de navegación, revitalizando e prestixiando estes elementos centrais da nosa cultura.

Durante todos estes anos, a asociación levou a cabo estas e outras actividades con varias dificultades, entre as que cabe resaltar a falta de amarres para os barcos.

Dornas dos Amigos da Dorna Meca nun tira-vira. Á dereita, o dique de abrigo.

Esta carencia dificulta algunhas das tarefas máis básicas da asociación, como poden ser:

  • O coidado dos barcos, o que implica un aumento de avarías.
  • As saídas de navegación, xa que se dificulta o acceso ás embarcacións.
  • Exposicións: imposibilidade de proporcionar información e explicacións a cerca dos barcos.

Aquel é o afastado fondeo da dorna Meca.

Por estes motivos, nos últimos anos, os Amigos da Dorna Meca vimos pedindo un sitio digno para amarrar os barcos (como publicou o Faro de Vigo, o Diario de Arousa ou recentemente a TVG), que permita o desfrute de todos os veciños e visitantes da nosa vila.

A TVG noticiou neste mes de agosto a nosa solicitude de amarres.

Dique de abrigo (proposta) compartido.

Entre as diferentes alternativas, tense proposto a adaptación dunha pequena parte do dique de abrigo instalado no porto d’Ogrove para o atraque das embarcacións tradicionais. De modo similar ao que acontece en portos como o de Vigo ou Combarro, ou como solicitan os Amigos da Dorna de Portonovo, consideramos que a disposición de pantaláns de amarre para os nosos barcos permitiría:

  • Ampliar o número de actividades de promoción e difusión da cultura mariñeira, aumentando tamén o tipo de público que pode acceder a elas.
  • Dispor dun museo flotante vivo que permita incrementar a difusión do noso patrimonio marítimo, tanto para locais como para visitantes.
  • Mellorar a conservación das embarcacións, reducindo o gasto económico no seu mantemento.
  • Aumentar a seguridade e diminuír o risco de accidentes.

Por estas e outras razóns, os Amigos da Dorna Meca solicitamos a colaboración das diferentes institucións (Concello do Grove, Portos de Galicia, etc.) para que nos faciliten a disponibilidade de amarres dignos para os barcos da asociación, patrimonio de todos.

Imaxe orientativa do Porto d’Ogrove coa proposta do dique de abrigo (á dereita) compartido.

A solicitude de adaptación do dique de abrigo é, portanto, só unha proposta de entre outras moitas posíbeis, que nos permitan ter os barcos en condicións para o acceso e desfrute de todos.

Así mesmo, os Amigos da Dorna Meca comprometémonos a continuar a traballar a prol da conservación, posta en valor e difusión da cultura e do patrimonio marítimo galego.

2 comentarios en “Por que necesitamos amarres?

  1. Esta xente esfórzase moito por manter a nosa cultura viva, e pouco caso lles fan. Necesario para os mecos e para os que nos visitan.