Proposta para o fomento do asociacionismo nas embarcacións tradicionais

Na última asemblea xeral, os Amigos da Dorna Meca aprobamos por unanimidade unha proposta levada polos socios Eduardo e Manolo Parada, que ten como obxectivo fomentar a incorporación ao noso colectivo de todas aquelas persoas que utilizan ou posúen embarcacións tradicionais, sexa para navegar a vela ou para outras actividades. Falou sobre isto o Faro de Vigo.

A reflexión refírese, principalmente, a mariñeiros e afeccionados que continúan a utilizar as súas dornas (e outras embarcacións tradicionais) para ir pescar ou simplemente pasear.

Os Amigos da Dorna Meca consideramos que esta proposta é, por un lado, necesaria, xa que a asociaciación defende, como todas estas persoas, a utilización e posta en valor deste tipo de barcos. Por outro lado, pensamos que é beneficiosa tamén do punto de vista social: a interacción entre persoas de diferentes xeracións só pode ser positiva para a preservación da cultura tradicional, como xa desde a propia asociación se demostrou durante todos estes anos.

A asemblea acordou que a asociación traballará tamén na dirección apuntada por esta proposta.

Aquí podedes ler o texto íntegro:

Proposta á asemblea da Asociación Amigos da Dorna Meca (30/01/2016)

Temos hoxe en día con nós unha boa parte da tradición mariñeira aínda viva e non a vemos, ou vémola, pero estamos de costas a ela.

Queremos expór con esta proposta o conveniente ou necesario que é abrir a asociación Amigos da Dorna Meca a todo aquel que teña un barco tradicionai, navegue ou non a vela. Ben sexa por motivos de traballo ou de lecer.

Con isto potenciaríamos a asociación, ao aumentar o número de socios e de embarcacións asociadas (é necesario facer un dosier dos barcos coas súas características).

Ainda que este non é o principal motivo da proposta: o que realmente nos fai sentir esta necesidade é ver como por exemplo, no Grove (e supomos que pasa o mesmo noutros portos), estamos no mesmo momento (na mesma praia ou peirao, tanto no Grove como en Porto Meloxo) os membros da asociación preparando as dornas e navegando nelas, procurando facer tanto as faenas e manobras en terra, como a navegación no mar o mellor e máis tradicional posible, e ao noso lado están os mariñeiros xubilados coas dúas dornas de sempre e con todos os coñecementos de toda unha vida sen darse importancia ningunha. Miran para nós e posiblemente pensen, a onde irán eses sapateiros?

Pensamos que merece a pena un esforzo, e mataríamos dous paxaros dun tiro facendo todo o posible por incorporar aos Amigos da Dorna Meca especialmente a estes xubilados, con unha cota especial e ofrecéndelles, na medida do posible, melloras e servizos, como por exemplo a posibilidade de rebaixar o custo do seguro obrigatorio da súa dorna a través da Federación, así como a disposición de materiais a baixo prezo e medios para a reparación das súas dornas.

Debemos pensar que esta realidade irase apagando e desaparecendo co tempo.

Non podemos estar presumindo de ser os recuperadores dos barcos tradicionais e das tradicións mariñeiras e á súa vez, ignorar ou non recoñecer a realidade viva dos auténticos mariñeiros tradicionais e as súas dornas, aínda que naveguen con foraborda.

Temos casos de mariñeiros de cerca de 90 anos, que non van ao mar polas súas limitacións físicas, pero que non queren vender a dorna e seguen coindándoa e achicándolle a agua como se quixesen que a dorna estivese con eles ata o último día.

Isto ten un alcance moral e humano difícil de explicar. Tamén hai casos nos que cando deciden non ir máis ao mar, o que fan é gardar a dorna na casa ou na horta, e non se desprenden dela salvo que algún fillo ou neto a queira reparar e seguir navegando.

Nós seguiremos navegando, pero estaremos incompletos se non abrimos os ollos e conseguimos sumar á flota tradicional os mariñeiros xubilados, as dornas e demais embarcacións tradicionais existentes hoxe en día, para consideralos e defendelos como o noso patrimonio.

Eduardo e Manolo Parada
Amigos da Dorna Meca
O Grove, 20/01/2016