Volvemos ao trabalho!

Como xa fora anunciado, este sábado día 30 celebrouse a Asemblea Xeral Ordinaria dos Amigos da Dorna Meca.

Xuntámonos no Pavillón de Deportes Náuticos de Peralto case 30 persoas (estando aí o entroido algúns andaban a afinar a ghorxa), con vontade de trabalhar neste ano que comeza.

Este ano reunímonos no medio das piraguas 😉

Ademais de se aprobaren os trámites habituais (acta da asemblea anterior, estado das contas, etc.), nesta ocasión tamén se aprobou por unanimidade a incorporación á secretaría da asociación de Iria Fernández (substituíndo a Anxo Vilar). Estamos seguro de que fará un trabalho excelente!

A nova secretaria (xunto co presidente e a tesoureira), estreándose no cargo

Dentro das actividades previstas para este ano 2016, destacamos a volta da Regata dos Faros ás Festas do Carme (nos últimos anos a regata coincidira co desembarco pirata). Deste xeito, esta regata reforza o obxectivo de homenaxear as xentes do mar.

Ademais da organización das actividades habituais (regatas de Porto Meloxo, Camping Miami, e do Marisco), tamén se iniciou a creación de grupos de trabalho para a realización de xornadas divulgativas para a promoción do patrimonio marítimo d’Ogrove. Na asemblea tamén tivemos tempo para discutir unha interesante proposta para fomentar o asociacionismo entre persoas de diferentes xeracións que utilizamos as embarcacións tradicionais.

Sobra dicir, tamén, que na asemblea se manifestou a vontade de continuar a participar no maior número de eventos de divulgación das embarcacións tradicionais, como os diferentes encontros, regatas, e outras actividades relacionadas.

E por se fora pouco, comezamos o ano con novas incorporacións! Forte benvida ás novas socias!