A Rona ganha a XIX Regata dos Faros

O pasado sábado, 16 de xullo, celebrouse a XIX Regata dos Faros, nunha tarde que quedou perfecta para unha navegación tranquila. No porto xuntáronse unhas 18 dornas que, ademais das d’Ogrove, chegaron de Portonovo, da Illa de Arousa e de Ribeira.

Como a previsión non era de moito vento, decidiuse facer unha única volta a un percorrido que saía do porto d’Ogrove, pasando polo faro das Umias e pola baliza do Arido.

A primeira parte, con vento do noroeste, fixo que houbese unha bonita navegación en bolina até o faro das Umias, onde a Marijuana dominou unha boa parte da regata.

Unha imaxe da saída da regata (foto roubada dos Amigos da Dorna de Portonovo)

A partir daí, nunha longa empopada até o Arido, varias dornas foron adiantando a Marijuana, que completou unha boa regata quedando finalmente no cuarto lugar (e levando tres tripulantes!).

A tripulación da Marijuana a celebrar o 4º posto!

Na última parte da travesía, en dirección ao porto, a cabeza da regata non variou, sendo ganhadora A Rona, seguida de perto pola Faísca e pola Fuxe (podio meco!).

A Rona entrando na meta.

O seguinte grupo, no que se encontraban A Fiuza, a Maristela, ou a Fanequeira, entre outras, non tardou moito en chegar.

A Fiuza chegando á meta, seguida da Maristela.

Peeero… o vento, que comezara a cambiar para oeste, foi baixando até rolar lixeiramente a sur… o que provocou que o último grupo de dornas fixese a última parte da regata moi lentamente, entre bolina e bolina.

Pola Cabreira xa non había vento…

E mención especial para a Beliña, de San Vicente, que participou na súa primeira regata!

A Beliña chegando ao Arido.

Aínda así, todas as tripulacións acabaron contentas, deixamos vía libre para a procesión do Carme, e tivemos unha boa cuchipanda con entrega de premios no local 🙂

Un comentario en “A Rona ganha a XIX Regata dos Faros

  1. Boa crónica e fotos. Magoa não podermos ter ido!
    Santi da Rabuda do Lajareu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*