A Meca

A Meca (foto obtida da Revista dos III Encontros de Embarcacións Tradicionais).

A Meca (foto obtida da Revista dos III Encontros).

A Meca é o barco emblema da asociación. É un tipo de dorna xeiteira que, como o nome indica, é propio do Grove. A súa característica principal é a proa, que ten unha fasquía máis lanzada que as outras dornas xeiteiras.

A Meca foi construída en 1995 polos irmáns Garrido. Como non existían planos deste tipo de dornas, foron axudados por antigos carpinteiros de ribeira (como Paquito Camaño) e vellos mariñeiros que lembraban as dornas mecas que antigamente navegaban pola nosa costa. Tamén se valeron de fotos de dornas mecas, como as que se poden ver na galería no final desta páxina.

Aquí podes ver os deseños da dorna Meca, acompañados dos nomes de cada unha das partes, feitos por Pepe Gondar, e o plano da Meca, de Pepe Garrido.

A Meca ten 15 cuartas de quilla, o que se corresponde cunha eslora de 7 metros e medio.

No ano 2014, a cravación da Meca foi substituída, foron feitos pequenos arranxos, e pintouse da cor coa que actualmente navega por dentro e fóra da nosa ría.

A Meca en Moreiras en 2014 (fotografía de Ricardo Rey).

A Meca en Moreiras en 2014 (fotografía de Ricardo Rey).

Podes ver a ficha da dorna Meca na páxina do proxecto dorna.

As dornas mecas

As dornas mecas eran un tipo de embarcación deseñado e construído no Grove, frecuentes na nosa costa até aos anos 60 do século XX. Construíanse a partir de 10 ou de 12 cuartas de quilla até 18, e historicamente eran tripuladas por 3 ou 4 homes (dos cales un era un rapaz).

Durante o inverno, as dornas mecas traballaban na ría con rascas e tramallos, pero no verán ían ao xeito e ás nasas da langosta entre Fisterra e o Cabo Silleiro, facendo recaladas de entre 7 e 21 días sen vir ao Grove.

Na seguinte galería pódense ver dornas mecas de varios tamaños en diferentes puntos das nosas rías.