Laxe de Boibas
A Laxe de Boibas é unha dorna de tope construída nos asteleiros Garrido en 1976, dedicando a maior parte da súa vida á pesca con aparellos e nasas. Esta dorna foi reconstruída en 2011 por Pablo Gondar e José Manuel Triñanes, coa colaboración (entre outros) de Constante Cachupeiro.
Por ter unha construción de tope (e non de calime, como a maior parte das dornas), é mais estábel no mar, sendo moi adecuada para iniciarse no mundo da navegación tradicional. Esta dorna aparella vela de relinga, e ten unha eslora de 5,20 metros.
As dornas de tope
As dornas de tope son unha variante das dornas de calime (tamén chamadas de escarva), que se diferencian principalmente destas pola súa construción de tope. Neste tipo de construción, as táboas non se sobrepoñen unha sobre a outra, senón que forman un casco liso.
Posibelmente fosen os Garrido (avós dos actuais carpinteiros de ribeira) quen primeiro as deseñaron e construíron. Dise que este tipo de dornas navegaban mellor que as de calime, pese a bolinar menos. Inicialmente, foron criticadas por mariñeiros doutras partes da ría, aínda que co paso do tempo este tipo de dornas tamén foron construídas noutras localidades, aparecendo tamén embarcacións que combinaban as dúas técnicas (tope e calime).
Actualmente aínda se poden ver algunhas dornas de tope preparadas para o traballo, xa que foi o tipo de dorna que mellor se adaptou ao motor intraborda. Os Amigos da Dorna Meca contamos con outra dorna de tope, moi semellante á Laxe de Boibas: a Rubiasa.