E en Marín… tamén campeóns!

O trofeo ben xeitosinho! (ao fotógrafo tremíalle o pulso…)

Como estamos alegres, comezamos así, co trofeo de campeóns!

Como xa vos contamos, este fin de semana celebrouse nas rías de Pontevedra e de Arousa, a XX Regata Almirante Rodríguez-Toubes, puntuábel para o Campeonato Galego de Clásicos Agabace.

A regata consistíu en dúas etapas: a primeira (sábado) entre Marín e Vilagarcía de Arousa, e a segunda (domingo) co recorrido oposto: saída en Vilagarcía e chegada en Marín.

Desde a nosa asociación participamos co noso barco estrela, o actual campeón galego de clásicos A Meca 🙂

A Meca estaba en Portonovo, así que partimos cedinho dalí para chegar a tempo á saída desde Marín. O sábado houbo pouco vento, unha brisa moi suavinha de noroeste que fixo que a regata fose moi lenta…

Saindo de Marín

O vento non subía, polo que o inicio foi tranquilo…

Todos pola popa 😉

Ao ritmo que íamos, saír da ría de Pontevedra non foi fácil, mais conseguíuse 🙂 Así que houbo que celebralo repoñendo forzas…

Concentradinhos para manter ben o rumo…

E pouco a pouco, entramos na Arousa e chegamos a Vilagarcía. Foi unha regata dura pola inestabilidade e pola duración, máis de 10 horas no mar… Na chegada a Vilagarcía, confirmáronnos que, no tempo compensado A Meca fora segunda.

O domingo, esperábase unha travesía melhor que a do sábado, con vento constante do norte que nos permitise ir até Marín máis comodamente.

A tripulación saudando as siareiras (foto: Lino Prieto)

E, en parte, así foi. Saimos do porto de Vilagarcía en dirección Sálvora, con bo ventinho do noroeste. E a regata era tranquila até sairmos da ría.

Saíndo de Vilagarcía (foto: desmarque.es)

O paso pola Lanzada foi máis duro, xa que o vento subía (con rachas que superaban os 20 nós), e as ondas facían que ese traxecto de mar aberto con vento de popa fose bastante inestable. Mais como a tripulación da Meca xa está curtida, conseguimos entrar na ría de Pontevedra en boa posición.

Na chegada a Marín (nunhas 3 horas menos que no traxecto contrario), confirmáronnos que ganharamos a etapa na nosa categoría, por diante do, tamén meco, Belisa!

O Belisa pola popa… (foto: Lino Prieto)

E como o valor desta última etapa é superior ao da primeira, A Meca foi campeona da regata na categoría Clásicos e de Época! Algúns non colhían na cuncha!

A tripulación a recolher o prémio (foto: desmarque.es)

Unha vez máis, a dorna Meca, embarcación galega de trabalho, aparelhada coa súa vela tradicional de relinga e cunha excelente tripulación, ganha unha dura competición loitando contra barcos desenhados especificamente para este tipo de regatas.

Por iso desde os Amigos da Dorna Meca queremos darlhes os parabéns non só á tripulación e a tod@s @s nos@s soci@s, senón tamén a todo o mundo das embarcacións tradicionais polo novo triunfo conseguido 😀

(podedes ver unha galería de fotos da regata aquí, tamén o seguimento da regata aquí, a clasificación final aquí, e máis noticias da regata en desmarque.es, en masmar e na páxina de Agabace)