Desafío Irmandiña II: Corunha -neboeiro- San Vicente

Na primeira parte da crónica do Desafío Irmandiña xa vos contamos que a navegación polo Cantábrico foi boa (aínda que por momentos dura), con ventos portantes do norte até chegar a Sada.

Mais o tempo foi cambiando. Despois de que as tripulacións visitasen a cidade da Corunha, na tarde do sábado (13 de agosto), a Irmandiña saía con dirección ao porto de Pedras Negras. Despois dunha noite de navegación, a néboa era mesta, o vento pouco, e a previsión non era melhor.

Así saía a Irmandiña da Corunha.

E nunca lestes os avisos das auto-estradas portuguesas? “Com nevoeiro, modere a velocidade“. Por iso a tripulación decidiu ir a modinho…

Entretanto, o domingo á manhá A Meca partía do Porto d’Ogrove para recibir a Irmandiña na boca da ría, despois da grande travesía realizada.

O Sr. Presidente á cana d’A Meca, analisando a situación…

Da banda do norte, o vento continuaba a baixar… a Irmandiña navegaba á vela, pero dos 3 nós non subía…

Con tanta velocidade había que estar concentrados á cana!

Despois de moito pensar (e de varias calmas podres), a tripulación da Irmandiña probou, por se ascaso, o motor intraborda antes de chegar a Fisterra. E que pasou? Motor avariado! Chama aí ao presi non vaia ser o conto…

Motor? E pa que queredes motor?

O Sr. Presidente confiaba na experiencia da tripulación da Irmandiña, e despois dunha reunión urxente do departamento de I+D+i, decidiron aplicar unha estratexia innovadora: navegar de popa!

Así que, tripulación preparada, dorna aparelhada, proa ao norte e rumo sur!

Os enxenheiros na melhor posición para pór en práctica esta nova táctica de navegación.

Aínda eran sobre as 13h00, pero como o día se calculaba longo e os víveres non eran moitos, os irmandinhos experimentaron con outro método innovador: un curricán pola proa!

Se finalmente chamamos un remolque é porque as xardas tiran pa norte, eh?!

A media tarde, as noticias xa chegaran a San Vicente, e considerouse que, dadas as circunstancias, o melhor era ir remolcados até Pedras Negras. Así que dalí saíu un barco ao rescate…

Despois de pedir papas.

A Meca, que andaba entre Sálvora e Aguinho a esperar pola Irmandiña, puxo tamén rumo a San Vicente, máis que nada por chegar con algo de luz.

A Meca no porto de Pedras Negras: a calma aínda era chicha, e o neboeiro espeso.

E un pouco máis tarde, a Irmandiña e a tripulación tamén chegaban a terra, a tempo para seren recebidos como merecían: co premio ao I+D+i dorneiro 2016!

Os irmandinhos a explicaren a nova estratexia.

E así acabou o Desafío Irmandiña: unha primeira travesía La Baule – Sada de navegación máis tradicional, e unha segunda singradura (Corunha – San Vicente) máis experimental!

Máis unha vez, parabéns Irmandiña! Parabéns Amigos da Dorna Meca!

E lembrade que este fin-de-semana, tanto A Meca como a Irmandiña compiten na IX Regata das Illas Atlánticas de Barcos Clásicos e de Época.


Máis información:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*