Regatas do Marisco 2018

Xente dorneira! Co comezo da LV Festa do Marisco, voltan tamén dúas das últimas regatas de dornas da tempada!

Este sábado día 6, ás 4 da tarde (16h), vindo de volta dos actos de Culturmar en Compostela, Regata do Marisco de Dornas á Vela!

Cartaz das Regatas do Marisco 2018.

E xa a seguir, o domingo día 7 ás 12 da manhá, velas abaixo e remos montados porque chega o Desafío a Remos 2018, onde o equipaso dos Amigos da Dorna Meca defenderán o trofeu conseguido o ano pasado.

A boghar!

25 anos da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial

Neste 2018 cúmprense 25 anos da creación da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, da que os Amigos da Dorna Meca fixemos parte desde a súa fundación.

Moito foi o trabalho se fixo desde aquela: organización de encontros galegos e participación en actos internacionais, divulgación da cultura marítima e fluvial en publicacións e palestras, recuperación de barcos e de aparelhos tradicionais, etc. Todo isto co fin de recuperar, preservar, divulgar e dignificar a nosa cultura marítima e fluvial tradicional.

Por iso nestes 25 anos celebramos na capital do noso país os actos 25 anos na Salvagarda, nos que haberá mostras de embarcacións (con máis de 20 barcos de diferentes tipoloxías na Praza do Obradoiro), proxección de vídeos, palestras e outras actividades durante toda a semana.

Ademais de participarmos en varias das actividades programadas, os Amigos da Dorna Meca levamos o noso Rakú para ser mostrado, entre outras embarcacións tradicionais, na praza do Obradoiro.

Para iso tivemos que varalo, limparlhe un pouquinho a cara, e a naveghar! 🙂

Varamos o Rakú para levalo a Compostela.

Había quen prefería que fose co arneirón, pero ganhou a opción de freghalo.

A naveghar polo Ulha arriba!

Estade atentos ao programa, e desta vez vémonos en Compostela! Por outros 25 anos máis!

XI Regata de Dornas á Vela Porto Meloxo

Amigas, amigos, se os cálculos non nos falhan, o próximo sábado 22 aí ás 15:30 vai estar toda a chea. Así que, aproveitando a marea, pontualmente ás 16:00 dará comezo a XI Regata Porto Meloxo de dornas á vela!

Cartaz da XI Regata Porto Meloxo de dornas á vela.

Lembrade, a saída é desde a area coa dorna aparelhada. E lembrade tamén que non valen ranhucadas!

Agradecemos a colaboración, ademais do Concelho d’Ogrove e de Culturmar, da Taberna Meloxeira do Café Bar O Porto!

Vémonos sábado dorneiros!

VI Regata de dornas á vela Camping Miami Playa

Outro ano máis, acabado o mes de agosto, as dornas pasan o Pombeiro para regatear no mar da Lanzada!

Este sábado día 8 de setembro, saída puntual ás 16:00h da praia do Espinho!

Cartaz da VI Regata Camping Miami.

Como sempre, os amigos do Camping Miami Playa organizarán unha espectacular regata en mar aberto, e unha non menos interesante festa pós-regata, este ano co grupo Nightfall 😉

Esperámosvos en San Vicente!

A Meca ganhou, por cuarto ano consecutivo, a Regata Ilhas Atlánticas!

O fin-de-semana do 18 e 19 de agosto celebrouse, en San Vicente, a XI Regata Illas Atlánticas de Barcos Clásicos e de Época.

Como vimos facendo nos últimos anos, os Amigos da Dorna Meca parcitipamos nesta regata coas nosas dornas xeiteiras: este ano levamos A Meca e a Irmandiña, que competiron na Clase Cíes.

E como tamén vén sendo tradición, A Meca ganhou a regata por cuarto ano consecutivo!

A Meca, saindo na primeira das probas.

Na primeira etapa, o sábado con nordestinho, A Meca non tivo unha boa saída, mais o barco patroneado por J. Manuel Trinháns (o noso Moja) competiu ben o resto da proba, ganhando na súa clase. Podedes ver aquí o seguimento desta primeira etapa.

A Meca a navegar en bolina.

A segunda etapa, con menos vento que o sábado (e con algunha encalmada cerca de Ons), foi máis lenta, chegando a Irmandiña primeira na Clase Cíes (aínda que A Meca venceu por rating). Podedes ver aquí o seguimento desta segunda etapa.

Calculados os tempos e as puntuacións, a clasificación da Clase Cíes acabou coa dorna A Meca en primeiro lugar, seguida pola Irmandiña e pola Sara O. Ademais, a Irmandiña recibiu o premio á embarcación máis representativa!

A Irmandiña, escolhida a embarcación máis representativa.

Coas tripulacións en terra, non podían faltar as autoridades para entregar os premios:

O alcalde coa tripulación d’A Meca!

E como outros anos, todos a querer levar o trofeu pa casa…

Ghardado baixo chave!

En fin, outra bonita regata na que as dornas xeiteiras mecas participan con outras embarcacións clásicas e de época, demostrando as súas habilidades de navegación. Parabéns dorneiros!

Máis información:

Anteriores regatas: