Historia

Nos últimos anos da década de 1980, un grupo de amigos interesados na difusión e na recuperación da cultura mariñeira xuntouse para volver a organizar regatas de dornas a vela na nosa vila, que levaban uns 30 anos desaparecidas. Deste xeito foise recuperando unha forma tradicional de navegación da nosa costa. Pouco tempo despois, este grupo de persoas constituiu oficialmente a asociación Amigos da Dorna Meca. Desde entón, este colectivo coordenou e participou en multitude de exposicións, xornadas e coloquios sobre a cultura mariñeira galega.

No ano 1993, os Amigos da Dorna Meca colaboraron na fundación da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, organización referente na recuperación e promoción do patrimonio marítimo e fluvial galego.

Durante o ano 1995, a asociación consegue recuperar unha embarcación emblemática da nosa ría, a dorna Meca. Este tipo de dornas desapareceran da Ría de Arousa, polo que os carpinteiros (os irmáns Garrido) tiveron que servirse das indicacións de antigos carpinteiros de ribeira (como Paquito Camaño) e de vellos mariñeiros, ademais de fotos antigas nas que se podía ver a fasquía deste tipo de barcos.

No ano 1997 organizáronse no Grove os III Encontros de Embarcacións Tradicionais “Galicia 97”, que celebran a súa XII edición en Cabo da Cruz en 2015.

A Meca en 1997

A Meca, con Staffan Mörling á cana, nos encontros do Grove en 1997 (foto de José Manuel Rodríguez).

A dorna Meca foi no ano 2000 á Festa Marítima Internacional de Brest, formando parte da expedición galega daquel ano. Os Amigos da Dorna Meca tamén estiveron presentes na edición de 2008 (na que os galegos fomos convidados de honra) levando outra vez a dorna que dá nome á asociación.

A dorna Meca en Brest, 2008 (foto dos Amigos da Dorna de Portonovo)

A dorna Meca en Brest, 2008 (foto dos Amigos da Dorna de Portonovo).

Actualmente, este colectivo conta con máis de 100 persoas asociadas, organiza anualmente varias regatas de vela e de remos, e participa frecuentemente en diferentes actividades relacionadas coas embarcacións tradicionais e o mundo do mar.

Así mesmo, os Amigos da Dorna Meca contan con varios barcos que poñen á disposición d@s soci@s e de persoas interesadas en xeral. Por iso, asóciate e ven navegar!